Acábanse de facer públicos os Presupostos Xerais do Estado, e, na parte que nos afecta ós vigueses, hai que dicir que a Administración de Zapatero, esa que nos quere tanto («Esta ciudad ha sido muy maltratada en el pasado»), amósanos o seu «cariño».
Din que «obras son amores». As «obras» que temos á vista son as seguintes: A Coruña cidade, 47 kilómetros cuadrados, 240 mil habitantes, sumados os diferentes conceptos (Alvedro, porto exterior, depuradora, 3ª circunvalación e outras «minucias») quédase coa tallada máis sustanciosa do «animal»: (o 32% da totalidade). Vigo cidade, 104 kilómetros cuadrados, 295 mil habitantes, que aporta case a terceira parte do PIB galego, recibe as sobras que caen do banquete: (o 4%).
Enténdese a euforia do rexidor coruñés que, ó coñecer as boas novas, afirmaba pletórico, que a súa cidade acadara todo canto pidira. Tampouco se queixou o alcalde de Santiago. Entrámbolos dous suman o 42% do total. Todo queda en familia. O resto de Galicia tense que repartir o 58% restante. Como se pode ver, unha lección maxistral de xustiza «distributiva».
Unha vez máis, e xa perdemo-la conta, constátase que as Administracións «pasan» de Vigo. Só se lembran de nós cando veñen chora-lo voto. Nun calculado acto de cinismo político («Trasladarei a Consellería de Pesca a Vigo»), prometen montes e moreas. A realidade é a de sempre: desprezo ou indiferencia.
Un novo caciquismo irresponsable está a dividir Galicia e as súas xentes en dúas metades enfrontadas: a Galicia do norte, privilexiada e favorecida de xeito contino e descarado polas dúas Administracións. E a Galicia do derroche institucionalizado, con obras faraónicas estilo Cidade da Cultura ou megaportos de dubidosa rendabilidade, de auditores pareados ou de tres en tres, de terceiras circunvalacións, e do luxo asiático pagado cos impostos de todos. Pola outra banda, a Galicia sureña, que loita con uñas e dentes por acadar un respecto e ver cubertas necesidades básicas e indispensables mentras outros nadan no superfluo. E, logo, está Vigo, un caso singular, onde calquera proxecto convírtese nunha cadea case insalvable de obstáculos e na que acadan connotacións épicas.
A consigna non escrita podería ser «A Vigo nin auga». Para Vigo son os Presupostos vergoñentos, non ten dereito a unha Biblioteca Estatal, négaselle o Xulgado do Mercantil (de escándalo), torpedéaselle o PXOM, e emprégase a depuradora a modo de chantaxe na loita partidista. Por se non bastara, dende a Xunta, outro do norte (hai que ter cara) dille ós vigueses que se esquezan da Área Metropolitana, cando despois de anos de traballo, estaba todo a punto, perfectamente pactado e acordado.
Para remate, sinalar tamén a existencia entre nós dunha chea de figurantes/as, con síndrome de Penélope, que se entreteñen en destexer cada día aquelo no que tanto tempo, traballo e esperanzas, amén de cartos, moitas instancias levan invertidos. Interpretan á perfección as partituras que reciben da superioridade e repiten de xeito enfermizo a frase favorita: «Hai que partir de cero».
Esa é, precisamente, a nota coa que moitos vigueses e viguesas xa teñen calificados a algúns/as dos seus ínclitos representantes. Ó final quen perde é sempre Vigo, a cidade a que din tanto amar e defender. A todos, os de dentro e os de fora, cadraríalle, seguramente, a famosa frase de Cicerón nun célebre proceso: «Ata cando abusaredes da nosa paciencia?».
Se puede decir más alto, pero no más claro…