Primeiro o home asómbrase diante do mundo inmenso
Bebe a prata das ondas ou escoita
o rumor das derradeiras aves
no crepúsculo
mais nada disto o colma
e nesa nostalxia de soños e presencias
insiste aínda e busca
as formas que de igual teñen os seres
como a palabra fere co gume dunha espada
ou cura como un básamo
porque no rir dos nenos
hai un rumor de follas
e no roce dos corpos
o estalido das ascuas.
E estas leves certezas van enchendo as súas noites
como ha de encher as nosas
a branca fror do insomnio
mentres non quede o tempo xeado
queimado sobre as cinzas.
[Beatriz Quintela, extraído de Colección de cinza]